Saxicola torquatus é unha especie de chasco da familia dos muscicápidos, que habita na África subsahariana e rexións adxacentes. Durante longo tempo estivera clasificado na familia dos túrdidos, con cuxos membros os chascos presentan evolución converxente. O seu nome científico significa "habitante das rochas con colar" (do latín saxum, 'rocha', incola, 'o que vive nun lugar' e torquatus, 'con colar'. A taxonomía desta especie pasou por varias vicisitudes e antes mesmo incluía poboacións europeas.
No pasado S. torquatus (sinónimo S. torquata, con erro no latín) adoitaba a referirse á superespecie completa do "chasco común" e algunhas fontes[2] aínda seguen considerándoo así, pero todas as evidencias dispoñibles actualmente apoian fortemente darlle un status de especie separada ás poboacións europeas antes incluídas (hoxe denominadas S. rubicola, ou chasco común en sentido estrito, que vive en Galicia) e ás poboacións da Eurasia temperada (S. maurus), así como ás poboacións canarias endémicas da illa de Fuerteventura (S. dacotiae) e as da illa de Réunion (S. tectes); estas dúas últimas nunca foran de forma inequívoca aceptadas como pertencentes ao antigo S. torquata. Tamén se considera diferente o chasco de Madagascar (S. sibilla). Ademais, as ben distinguibles poboacións das terras altas do corno de África poderían considerarse tamén unha especie separada.[3][4][5]
En 1760 o zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson incluíu unha descrición deste chasco africano na súa obra Ornithologie baseándose nun espécime recollido no cabo de Boa Esperanza en Suráfrica. Utilizou para el o nome francés gobe-mouche à collier du Cap de Bonne Espérance e en latín Muscicapa Torquata Capitis Bonae Spei.[6] Aínda que Brisson acuñou un nome en latín, este non estaba conforme coas normas da nomenclatura binomial e non é recoñecido pola Comisión Internacional da Nomenclatura Zoolóxica.[7] Cando en 1766 o naturalista sueco Carl Linnaeus actualizou o seu Systema Naturae sacando a duodécima edición, e engadiu 240 especies que foran descritas previamente por Brisson.[7] Unha delas era este chasco africano. Linnaeus incluíu unha breve descrición, acuñou o nome binomial, Muscicapa torquata, e citou os traballos de Brisson.[8] O nome específico procede do latín torquatus, 'con colar'.[9] Esta especie está agora situada no xénero Saxicola, que foi introducido polo naturalista alemán Johann Matthäus Bechstein en 1802.[10]
Os parentes máis próximos desta especie aparentemente non son as poboacións de Eurasia, senón o chasco da illa Réunion (S. tectes), pero aínda así o Saxicola "de colar branco" forma un grupo distinto no xénero. S. torquatus e S. tectes forman unha liñaxe subsahariana que diverxeu da eurasiática no Plioceno tardío, aproximadamente hai uns 2,5 millóns de anos. A illa de Réunion foi colonizada por estas aves pouco despois, indicando unha rápida expansión ao longo das costas africanas do océano Índico. Cando se secou o Sáhara na subseguinte glaciación cuaternaria, as poboacións de África e Eurasia quedaron illadas para sempre.[5]
A separación recente como especie foi proposta despois de facer análises das secuencias do citocromo b do ADNmt e da pegada xenética do microsatélite do ADN nuclear de espécimes da subespecie Saxicola torquatus axillaris mais non da S. t. torquatus, e, por tanto, esta especie foi durante un breve tempo coñecida como S. axillaris.[5]
Hai 13 subespecies recoñecidas.[11] Difiren lixeiramente en tamaño, e máis na extrensión da cor laranxa-vermella no peito sperior dos machos, e en se o peito inferior é branco cun límite nítido co peito superior ou se é laranxa claro sen un límite nítido co peito superior escuro. A extensión de laranxa-vermello tamén varía coa época do ano, e esténdese a miúdo ao ventre fóra da estación reprodutora.[12]
Os machos teñen a cabeza negra, un medio colar branco, un dorso negro, unha mitra branca, e unha cola negra; as ás son negras con grandes manchas brancas na parte superior da á interna. O peito superior é xeralmente laranxa escuro-vermello, cunha transición nítida ou gradual ao branco ou laranxa claro no peito inferior e ventre, dependendo da subespecie. Nalgúns, o negro substitúe ao laranxa nas plumas do peito en parte ou completamente.[12]
As femias teñen cor marrón en vez de negra na parte superior e na cabeza cunha pouco visible liña superciliar clara, é castaño-beixe en vez de laranxa, e con menos branco nas ás que os machos. A plumaxe de ambos os sexos é algo máis clara e con liñas fóra da estación reprodutora.[12]
Vive en África e Arabia. Ten unha distribución moi espallada por gran parte da África subsahariana, aparecendo loclmente polo norte ata Senegal e Etiopía. Poboacións periféricas encóntranse nas montañas do soroeste da península Arábiga e en Madagascar e a Gran Comora. Non é unha ave migratoria e só se move localmente como moito. Como resultado, desenvolveu moitas variacións rexionais, polo que foi dividida en varias subespecies.[12]
Saxicola torquatus é unha especie de chasco da familia dos muscicápidos, que habita na África subsahariana e rexións adxacentes. Durante longo tempo estivera clasificado na familia dos túrdidos, con cuxos membros os chascos presentan evolución converxente. O seu nome científico significa "habitante das rochas con colar" (do latín saxum, 'rocha', incola, 'o que vive nun lugar' e torquatus, 'con colar'. A taxonomía desta especie pasou por varias vicisitudes e antes mesmo incluía poboacións europeas.
No pasado S. torquatus (sinónimo S. torquata, con erro no latín) adoitaba a referirse á superespecie completa do "chasco común" e algunhas fontes aínda seguen considerándoo así, pero todas as evidencias dispoñibles actualmente apoian fortemente darlle un status de especie separada ás poboacións europeas antes incluídas (hoxe denominadas S. rubicola, ou chasco común en sentido estrito, que vive en Galicia) e ás poboacións da Eurasia temperada (S. maurus), así como ás poboacións canarias endémicas da illa de Fuerteventura (S. dacotiae) e as da illa de Réunion (S. tectes); estas dúas últimas nunca foran de forma inequívoca aceptadas como pertencentes ao antigo S. torquata. Tamén se considera diferente o chasco de Madagascar (S. sibilla). Ademais, as ben distinguibles poboacións das terras altas do corno de África poderían considerarse tamén unha especie separada.