dcsimg

Nécora ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A nécora[1] (Necora puber) coñecida tamén como navalleira (no sur de Galicia)[1][2] e como andarica (na costa norte de Galicia, e en Asturias)[1][2][3], Necora puber, é un crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos (Portunidae) moi apreciado gastronomicamente e que se dá en relativa cantidade nas rías galegas. O xénero foi descrito por N. B. Holtius en 1987.[4]

Características

As principais características da nécora son as seguintes:[5]

  • Caparazón (cacho) case oval, máis ancho que longo e algo aplanado, moi pubescente [6]
  • Rexión frontal con aproximadamente 10 dentes, dispostos irregularmente, sendo os dous centrais en xeral máis anchos que os demais.
  • Os ollos son vermellos.
  • Quelípodos (primeiro par de pata, rematados en pinzas) semellantes, robustos e pubescentes.
  • Segundo a quinto par de pereiópodos (patas marchadoras) robustos; as do quinto par, aplanadas e prolongadas por pelos máis longos, adaptadas á natación.
  • Abdome do macho cos segmentos terceiro a quinto fusionados, libres na femia.
  • Cor parda avermellada, con manchas azuladas e vermellas nas patas.
  • Nos exemplares capturados en Galicia, o ancho do caparazón chega até os 10,2 cm nos machos e aos 90 cm nas femias.

Hábitat e bioloxía

Habita nas costas, principalmente en zonas con fondos rochosos e nos polígonos de bateas mexilloeiras (que teñen, en xeral, os fondos moi transformados e con abundancia de lama), desde o litoral até os 70 m de profundidade. os individuos xuvenís abundan en zonas de area a pouca profundidade, mesmo na zona intermareal.[5]

Aliméntase de algas pardas, pequenos crustáceos e peixes mortos. Ás veces chegan a devorar outras nécoras.

Distribución

Atlántico oriental, desde a costa oeste de Noruega até o Sáhara (incluíndo o Mediterráneo e o mar Negro).[5]

En Galicia

É unha especie abundante en toda Galicia, onde se captura principalmente con nasas e tamén con artes de arrastre.[5]

En Galicia, ademais das que se pescan na costa, véndense tamén outras procedentes de Inglaterra, a Bretaña e Irlanda. As que se apañan en Galicia distínguense, segundo algúns,[quen?] pola cor do cacho e a súa textura, que é suave, sendo as de fóra máis lisas e cun veludo máis fino que o das galegas.

A veda en Galicia adoita coincidir cos seis primeiros meses do ano.[7]

Usos: Gastronomía

O principal uso da nécora é gastronómico. Adoita prepararse simplemente cocida en auga con sal nas zonas costeiras do Atlántico nororiental, Galicia (onde á auga para cocelas adoita engadirse unha folla de loureiro), Asturias, Cantabria, País Vasco, así como na parte occidental de Francia, e en Irlanda e Inglaterra.

"Non sei se saben que a Picadillo esquecéronselle as nécoras. Salvo nque as metera onde dí: «Cangrejos: tanto los cangrejos de mar como de río son de escasa importancia. No se comen más que cocidos, y generalmente se sirven como entremés». A verdade é que hai as nécoras e que son un dos froitos máis sabrosos do mar. Unha boa nécora femia, de febreiro ou abril, ben chea, cos seus coráis, é do millor do millor"

Galería de imaxes

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 nécora no dicionario da RAG.
  2. 2,0 2,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), p. 46.
  3. Dicionario de dicionarios
  4. Holthuis, N. B. (1987): "Necora, a new genus of european swimming crabs (Crustacea Decapoda, Portunidae) and its type species, Cancer puber L., 1767." Zool. Med. Leiden, vol. 61, nº 1, pp.1-14 (texto orixinal).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 González Gurriarán e Méndez (1985), p.81.
  6. Ao que alude o seu nome específico, puber, do latín pūbēr, -ēris, "viril" —no sentido de "non neno"—, relacionado con pūbens, -entis, "cuberto de pelo", que lle deu Linneo.
  7. "La nécora entra en veda en Galicia tras cerrar uno de los peores años de la década" Diario Faro de Vigo, 5/01/2012.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5.
  • González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Manual del marisco. (Prólogo: Domingo García Sabell. Epílogo: Luis Caparrós). Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-49-2.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. (Prólogo: Álvaro Cunqueiro). Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-32-8.

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Nécora: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A nécora (Necora puber) coñecida tamén como navalleira (no sur de Galicia) e como andarica (na costa norte de Galicia, e en Asturias), Necora puber, é un crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos (Portunidae) moi apreciado gastronomicamente e que se dá en relativa cantidade nas rías galegas. O xénero foi descrito por N. B. Holtius en 1987.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician