A capilaria[1] ou cuadrillo[2] (Adiantum capillus-veneris L.) é un fento do xénero Adiantum da familia Pteridaceae. Aparece en zonas temperadas e tropicais de todo o mundo. Medra nas catro provincias galegas.
O nome específico capillus -veneris vén do latín capillus, -i = cabelo, cabeleira; Venus, -eris = Venus, logo cabelo de Venus. O nome vulgar galego: capilaria, ten a mesma etimoloxía.
As follas deste fento compáranse cos pelos dunha fermosa cabeleira, empregándose asemade na antigüidade para o coidado do cabelo, pois tíñase a crenza de que as plantas eran medicinalmente boas para as afeccións do órgano ao que se asemellan.
Adiantum capillus-veneris foi descrita por Carl von Linné e publicado e Species Plantarum en 1753.
A planta recibe diferentes nomes comúns en galego como:
É un fento miúdo vivaz provisto dun rizoma rastreiro densamente cuierto de páleas estreitas e acastañadas do que xorden frondes de (3) 10 – 30 (40) cm de lonxitude. O pecíolo é igual ou lixeiramente máis curto que a lámina, de cor parda escura con tons avermellados ou negro. A lámina é de aparencia feble e delicada, de contorna oval ou ovada lanceolada, 1 – 3 pinnatisectas. As pínnulas teñen un peciólulo das mesmas características ca o pecíolo; as fértiles son flabeladas e teñen o ápice irregularmente lobulado; as estériles teñen forma de cuña e a súa marxe é máis ou menos serrada. As pínnulas presentan un fino sistema de veas que se ramifica dicotomicamente até a marxe. Os soros están protexidos polas dobreces lobuladas do ápice (a xeito de falso indusio) das pínnulas e teñen forma rectangular ou de ril, formados por 2 – 10 fileiras de esporanxios, cunha tonalidade castaña. Esporas tetraédricas – globosas, triletas, escuras e verrugosas.
En zonas temperadas e tropicais de todo o mundo. Aparece nas 4 provincias galegas.
Este fento é característico de paredes polas que escorre a auga, moi frecuentemente ligado ao goteo das rochas porosas calcarias. Vai entre o nivel mar e os 1500 m de altitude. Clase: Adiantea capilli-veneris. Comunidades formadas esencialmente por comunidades brio-pteridofíticas que colonizan cantís, muros e penedos enchoupados de augas carbonatadas que precipitan sobre os restos orgánicos, polo que en ocasións forman sedimentos calcarios. Ademais da capilaria é característica destes ecosistemas: Pinguicula grandiflora subsp. grandiflora.
Require penumbra e calor. Medra principalmente no piso colino principalmente. Prefire solos húmidos ou moi húmidos (indicadora de humidade) e exclusivamente básicos (pH maior de 6; indicadora de solos ricos en bases). Mellor en solos pobres nitróxeno.
O fungo Hyalopsora adianti-capilli-veneris parasita as frondes da capilaria; no envés das frondes óllanse unhas bóchegas alaranxadas que corresponden ao fungo.
Ten principios antitusíxenos e expectorantes. A capilaria empregouse dende a antigüidade coma planta medicinal, xa Dioscórides, médico, farmacólogo e botánico grego, a mencionaba nos seus escritos. Hoxe en día é pouco usada na medicina. Coma menciña natural as frondes frescas ou secas sábese que teñen propiedades antitusíxenas, adstrinxentes, depurativas, emolientes, febrífugas, laxantes, refrixerantes, estimulantes e sudoríficas; lixeiramente expectorantes e emenagogas. Emprégase en infusión ou xarope para combater a bronquite e afeccións da gorxa e tamén no tratamento do alcoholismo e para a eliminación de lombrigas parasitas. Emprégase externamente contra as mordedelas das serpes e picadas das abellas entre outras. No Nepal emprégase coma untura aplicado na testa contra as dores da cabeza.
As frondes empréganse coma adubo en pratos doces, e secas para preparar infusións, incluso polo verán coma xaropes culinarios: cócense amodo durante varias horas e posteriormente se mesturan con azucre e o zume de froitas para preparar unha refrescante bebida.
Tamén se emprega coma planta ornamental.
A capilaria ou cuadrillo (Adiantum capillus-veneris L.) é un fento do xénero Adiantum da familia Pteridaceae. Aparece en zonas temperadas e tropicais de todo o mundo. Medra nas catro provincias galegas.