O fento das boticas (Asplenium trichomanes) é un fentiño da familia Aspleniaceae. Moi abondoso nos penedos e muros sombrizos e nas ribeiras galegas, tamén recibe o nome vulgar de coandro. Recoñécese facilmente polas súas frondes miúdas e atoparse sempre pendurado dos muros.
En Galiza existen dúas subespecies: Asplenium trichomanes subsp. trichomanes, que foxe dos solos calcarios e prefire a montaña e Asplenium trichomanes subsp. quadrivalens, de maior tolerancia ecolóxica.
Fento vivaz, de tamaño moi variábel, ás veces moi pequeniño, duns 4 cm, até os 50 cm, con curto rizoma, escamoso, do que xorden numerosas raíces magras, duras, negras, e unha serie de frondes de 8–45 cm, estreitas e longas co pecíolo máis ou menos sen vilosidades. Escamas de até 5 mm, con banda central (raque) tesa, pardo escura e brillante. Limbo linear, pinnado unha soa vez, con 15-30(40) pares de segmentos ovais, un chisco irregulares, de bordos dentados, máis largos os basais ca os superiores. Soros lineares. Os esporanxios maduran ao longo de todo o ano.[1] Os soros son lineais e os esporanxios poden ser collidos coa man. Moi común a fins de primavera e verán.
Dáse moito en fendas de rochas e paredes de muros húmidos e sombrizos.
Europa e gran parte de Asia no sur deica Turquía, Irán e o Himalaia, cunha poboación no Iemen. Aparece tamén no norte, sur e partes do leste de África, no leste de Indonesia, sueste de Australia, Tasmania, Nova Zelandia e Hawaii. Atópase en América do Norte e América Central, en Cuba e no norte e o oeste de América do Sur. Moi abondoso nas beiras dos ríos galegos, especialmente en cavorcos e en zonas onde hai rochas, valados e muros de pedra, xa que o fento das boticas pendura das paredes. Atópase até os 2.000 m de altitude.
Indicacións: é emoliente, antiinflamatorio, expectorante.[2]
Asplenium trichomanes foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1080. 1753.[3]
O nome científico do xénero Asplenium fai referencia ao uso terapéutico que se daba a estas plantas durante a Idade Media para sandar doenzas ligadas co bazo (exceso de bile negra). Así, Asplenium sería unha adaptación ao latín do grego "splen" (bazo). O nome vulgar da especie en galego ‘’das boticas’’ fai tamén referencia a este uso medicinal. trichomanes: epíteto da palabra grego: τριχομανεϛ, trichomanes que é o nome para os fentos.[4]