A dos clupeidos (Clupeidae) é unha familia de peixes teleósteos da orde dos clupeiformes que comprende numerosas especies distribuídas por todos os mares do mundo, entre elas os arenques e as sardiñas que son dos máis importantes peixes capturados para a alimentación.[1]
Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no eoceno inferior, durante o terciario inferior.[2]
O nome da familia, Clupeidae foi establecido por Cuvier en 1817, e está formado, como todos os nomes científicos das familias de animais, sobre a base do nome do xénero tipo, neste caso Clupea, ao que se engade a desinencia do latín científico -idae. (O significado do nome da familia é "os semellantes aos Clupea").
O xénero Clupea foi establecido por Linneo,[3] quedando definiticamente consagrado na 10ª edición do seu Systema Naturae, en 1758: Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.,[4] edición e data que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas.
Linneo tomou no nome talvez de clupea, nome dun pequeno peixe de auga doce citado por Plinio, e que podería ser a zamborca, ou máis probabelmente, sexa unha adaptación de clupeus ou clipeus, -ei (masculino) ou clipeum, -ei (neutro), voces que significan "escudo", "defensa", "protección" (recordemos os clipeatus, -a, -um, os lexionarios armados de escudos), en alusión ás grandes escamas (en relación ao tamaño do animal) que cobren o corpo destes peixes.[5]
En canto ao sufixo neolatino -idae deriva do latín clásico -idae, plural de -ides, sufixo patronímico masculino derivado do grego antigo -ιδαι -idai, plural de -ιδης -ides, cos mesmos ignificados.
O corpo dos clupeidos é fusiforme, menos esvelto que o dos engráulidos, cos que comparten suborde, de contorno arredondado nuns casos ou fortemente comprimido noutros, e alcanza tamaños que varían entre os 2 cm nalgunhas especies e os 75 cm doutras.
Presentan unha única aleta dorsal, pequena, situada na parte central do lombo, coas aletas pelvianas emprazadas máis ou menos por debaixo da base da aleta dorsal,[6] aínda que nalgunhas especies están ausentes tanto estas como aquelas. Todas aletas teñen raios brandos, sen espiñas.
Carecen de liña lateral, porén poden percibir e identificar a dirección das ondas sonoras, e as da presión da auga, coa axuda da vexiga natatoria, que está conectada co oído medio mediante un conduto.[6]
As escamas son grandes e de tipo cicloide (é dicir, de liñas de crecemento concéntricas, e tacto suave cando se tocan), formando escudos abdominais (que dan o nome á familia); a cabeza no ten escamas. Cando teñen dentes, son pequenos ou diminutos.
Habitan en todos os mares do mundo, pero principalmente nos mares tropicais, entre os 70º de latitude norte e os 60º de latitude sur (máis de 180 dos membros dos máis de 200 cos que conta a failia).[6] Porén, algunhas especies son duciacuícolas e outras anádromas.[7]
Adoitan vivir cerca da costa, agrupados en grandes bancos. Case todas as especies se alimentan de pequenos animais planctónicos.
A familia dos Clupeidae comprende máis de 200 especies, que se agrupan en 22 xéneros distribuídos en 5 subfamilias:[8]
Nas nosas costas están citadas as seguites especies:[9]
Os clupeidos representan unha das máis importantes familias de peixes de interese pesqueiro e comercial. Baste dicir que, de feito, só os arenques subministran máis dun terzo da produción pesqueira mundial (uns 20 millóns de toneladas, aínda que as capturas flutúan bastante segundo os anos).[6]
O aproveitamento é fundamentalmente para a alimentación humana, pero tamén son capturados para obter aceites ou fariñas de peixe con usos industriais.
A dos clupeidos (Clupeidae) é unha familia de peixes teleósteos da orde dos clupeiformes que comprende numerosas especies distribuídas por todos os mares do mundo, entre elas os arenques e as sardiñas que son dos máis importantes peixes capturados para a alimentación.
Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no eoceno inferior, durante o terciario inferior.