O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña presente nas costas rochosas do oeste e sur de Europa, no suroeste de Asia e no norte de África. Normalmente é unha especie sedentaria nas súas zonas de cría, aínda que os exemplares norteños son migratorios. O corvo mariño cristado é a principal e máis estendida especie europea da familia Suliformes.
É unha ave de tamaño medio-grande, que acada de media uns 68–78 cm de longo e 95–110 cm de envergadura. Ten un pescozo longo e unha gorxa mareal. Os adultos mostran unha pequena crista ou moño durante a época de apareamento, á que lle deben o nome. Distínguese do corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) polo seu tamaño inferior, pola súa complexión máis lixeira, e sobre todo, nos adultos, pola súa crista e o relumbro verdoso da plumaxe. O seu peteiro e máis estreito e os exemplares xuvenís amosan un ventre máis escuro. A cauda do corvo mariño cristado ten 12 plumas e a do corvo mariño grande 14. En ocasións tamén é nomeado como "corvo mariño verde" ou "corvo mariño común".
Existen tres subespecies:
As subespecies distínguense lixeiramente no tamaño e a cor dos exemplares novos. Evidencias recentes suxiren que os exemplares da costa atlántica do suroeste de Europa son distintos das outras tres subespecies, e poderían constituír unha subespecie nova (Yésou et al., Brit. Birds 98: 369-370, 2005).
Aliméntase de peixes no mar e non acostuma voar cara o interior das costas nas que habita.
O corvo mariño cristado é un dos mellores mergulladores da familia Phalacrocoracidae, chegando ata profundidades de 45 m durante 20-45 segundos, cun espazo de descanso dun mínimo de 15 segundos. Aliméntase de especies piscícolas moi variadas, pero sobre todo de sardiñas e bocarte. A miúdo recorren moitos quilómetros de costa dende a súa zona de aniñada para alimentarse.
Aniña en pequenos abrigos rochosos ou en fendeduras ou en pequenas covas na costa. Os niños consisten en fachos descoidados de algas mariñas e herbas unidos polo seu propio esterco. A estación de aniñada é longa, comezando a finais de febreiro, aínda que algúns individuos non comezan ata maio e incluso despois. Chocan normalmente tres ovos. Os pitos nacen desprovistos de plumaxe e durante os primeiros días dependen completamente dos adultos para quentarse. Non saen do niño durante dous meses e comezan a voar en torno a primeiros de xuño ata finais de agosto, e excepcionalmente máis tarde.
As principais zonas de aniñada do corvo mariño cristado atópanse nas Illas Farne (Inglaterra), Fowlsheugh (Escocia), Runde (Noruega) e Galicia.
O corvo mariño cristado aniña ao longo de toda a costa, mais as súas principais colonias atópanse no Parque nacional das Illas Atlánticas onde se atopa a maior colonia europea.[3] O primeiro censo da especie data de 1976, cando se citou unha poboación de 539-555 parellas, en 1994 a poboación medrara ata as 1.932-1.939 parellas[4] chegando a un máximo de 2.500 parellas entre os anos 2000-03[5] (debido sobre todo á protección dos enclaves de cría, a erradicación do consumo humano de pitos e ovos, e á prohibición da caza[6]). A partir desa data, mentres o resto das poboacións galegas medraban notablemente, as principais colonias de Cíes e Ons sufriron un descenso maior ao 40%, pasándose entón a 1.266 en 2007, o que representa unha taxa de crecemento negativa do -33% na poboación galega.[7] Entre as causas da diminución da poboación, atópanse a mortalidade accidental directa producida por mor do afundimento do Prestige, as capturas accidentais producidas polos trasmallos e a presión que exercen sobre as colonias especies invasoras.[8]
O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña presente nas costas rochosas do oeste e sur de Europa, no suroeste de Asia e no norte de África. Normalmente é unha especie sedentaria nas súas zonas de cría, aínda que os exemplares norteños son migratorios. O corvo mariño cristado é a principal e máis estendida especie europea da familia Suliformes.