dcsimg
Image of Callagh
Creatures » » Animal » » Vertebrates » » Ray Finned Fishes » » Cods »

Callagh

Pollachius pollachius (Linnaeus 1758)

Abadexo ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O abadexo,[2][3][4] badexo [2][5] badeixo,[6] Pollachius pollachius, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.[7][8]

A primeira descrición da especie foi feita por Carl von Linné en 1758 na 10ª edición do seu Systema Naturae: Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.,[9] data e obra que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas, baixo o nome de Gadus pollachius en 1758.

Os exemplares novos (é dicir, os de tamaño pequeno ou mediano) denomínanse cerretas[3] corbelos,[3] corobinas[Cómpre referencia], curubelos,[3] paleotas[10], sarretas[3], serretas,[3] sarretos[11] ou zarretas.[3]

Descrición

Ten un corpo alongado e esvelto que mide, habitualmente, entre 40 e 80 cm de lonxitude, se ben pode chegar aos 130 cm (dato rexistrado por Svetovidov).[6] Ten unha cor parda olivácea no dorso, que se vai facendo máis pálida nos flancos ata chegar á branca de prata brillante no ventre.[6] Está cuberto de pequenas escamas revestidas de mucosidade.
Os ollos son grandes, de diámetro maior que a a unha vez e media da lonxitude do fociño. A mandíbula inferior é prominente (sobre todo nos adultos) e carece de barbelas no mento.[6] Os dentes son pequenos, agudos e subiguais, existindo en ambas as dúas mandíbulas e no vómer; na mandíbula superior forman como unha carda e na inferior dispóñense en dúas filas dianteiras e unha a cada lado das ramas mandibulares. O bordo posterior do maxilar acaba en vertical que pasa polo bordo anterior do ollo.[Cómpre referencia] A primeira aleta anal é longa, e ten a súa orixe debaixo da metade posterior da base da primeira das tres aletas dorsais. A aleta caudal ten forma de media lúa.[6] A liña lateral é negra e, por riba das aletas pectorais, cuérvase cara ao dorso.[6][12]

A altitude máxima do seu corpo equivale á cuarta ou quinta parte da súa lonxitude e posúe o contorno transversal redondeado. As aberturas nasais están no terzo superior da lonxitude do rostro e a primeira, redonda e pequena, posúe no seu bordo posterior unha membrana que, rebatida, lle serve de opérculo; a posterior, oval e de maior tamaño, carece de membrana dérmica marxinal.

 src=
Abadexo pescado en mar aberto cun peso de 7,5 kg.

A primeira aleta dorsal orixínase un pouco antes da vertical que pasa pola abertura anal; é triangular e nos adultos está precedida por un suco. A segunda dorsal ten a base o dobre de longa que a primeira e a primeira aleta anal é a maís longa de todas. As aletas adoitan ser da cor do dorso corporal ou máis claras, semellantes ás manchas dos flancos ou manchadas de cor amarela. A liña lateral do corpo do abadexo destaca pola súa cor escura; nalgúns exemplares adoita ser parda, violácea ou agrisada, separada sen transición da cor metálica dos flancos.

Os adultos adoitan posuír unha coloración máis uniforme que a dos novos, aínda que menos intensa e dunha tonalidade máis ocre; no seu dorso poden existir bandas de cor amarela, transversais á dirección dos raios.

Segundo Moreau, nos exemplares novos as dúas primeiras aletas dorsais son dun fondo azulado atravesado por dúas bandas alaranxadas, salvo a terceira aleta, que só posúe unha; as anais son vermellas, co bordo pardento, e na axila das pectorais adoita existir unha mancha negra diminuta.

Especies semellantes

O abadexo pode ser facilmente confundido con outro membro moi próximo da familia dos bacallaus: o fogueiro ou burro (Melanogrammus aeglefinus), ou coa faneca prateada (Pollachius virens), pero existe unha serie de características que os diferencian. O fogueiro ten unha liña lateral recta de cor clara mentres que o abadexo posúe unha liña lateral escura, que se encontra curvada por enriba da aleta pectoral. A mandíbula do carboeiro é bastante uniforme, mentres que o abadexo se caracteriza por presentar a mandíbula inferior saínte e sen barbelas no mento, características propias dos gádidos, e por presentar tres aletas dorsais e dúas anais; as aletas pectorais son pequenas, e as abdominais, que son diminutas, están preto da gorxa.

Características principais

  • Peso máximo: 14 kg.
  • Peso medio (cerca da costa): uns 2,7 kg; no mar aberto, 4,5 kg.
  • Lonxitude máxima: 1,30 m; xeralmente non chega a 1 m.
  • Ciclo de vida: de 8 a 10 anos.

Distribución e ciclo vital

Área de distribución

A súa área de distribución esténdese polo océano Atlántico nororiental, desde as costas de Islandia e Noruega setentrional, polo norte, ata as costas norteafricanas, polo sur.[13] Abunda fronte as costas de Escocia, e é dos peixes máis costeiros desta familia.

Aínda que o abadexo é un peixe que procede do Atlántico norte, estendeuse por toda a costa galega, sobre todo polas zonas da Coruña, Vigo e Pontevedra. Atópase en abundancia sobre fondos de rocha aínda que non deixa de existir nos de area e noutros fondos chans de análoga natureza. Adoita verse preto da superficie cando hai bancos de peixes ós que persegue con insistencia.

A súa presenza en augas galegas foi citada por primeira vez por Cornide en 1788, como Gadus pollachius.[14] De Buen (1935) tamén o rexistra como G. pollachius, así como Steindachner en Lozano y Rey (en 1960), que o observou na Coruña e Vigo, e o propio Lozano y Rey, tamén en 1960, na Coruña, Pontevdra e Vigo. Xa co nome actual, Pollachius pollachius, cítanos Lens (1978) en Ribeira; Fernández el al. en Galicia (1978), e sobre fondos da plataforma continental desde o alfoz do Miño ata Fisterra (1979); Iglesias (1981), en polígonos de bateas mexilloeiras na ría de Arousa e Iglesias e González Gurriarán (1984) en polígonos de mexilloeiras na ría de Pontevedra.[15]

Bioloxía

Demersal ou de zonas intermedias, vive en augas costeiras, os máis novos (curubelos) máis preto da beiramar, ata os 200 m de profundidade.[6][12] Os individuos de gran tamaño viven en fondos altos, rochosos e abruptos en torno a illotes; os animais pequenos prefiren os fondos areosos, cerca do litoral. Conforme van crecendo, desprázanse a augas máis profundas, onde adoitan vivir cerca das rochas.

Os adultos so nadan en cardumes na época da reprodución.[6]. Esta ocorre na primavera no sur de Noruega e no norte do mar do Norte, ao oeste e sur das illas Británicas en na península Ibérica, a profundidades de entre 100 e 200 m. Os ovos e as larvas son peláxicos; os ovos eclosionan á semana da desova, e as crías peláxicas permanecen preto da costa durante 2 ou 3 anos, a miúdo en cardumes semellantes aos dos fogueiros.[12]

A desova transcorre entre febreiro e maio, cando a auga está a unha temperatura de 8 a 10 °C. Cada femia pon até catro millóns de ovos. Os ovos flotan cerca da superficie á deriva nas capas superiores do mar; as larvas e crías aliméntanse de plancto na proximidade das costas, crecen ata unha lonxitude duns cantos centímetros e adoptan unha dieta de camaróns, cangrexos e outros crustáceos. Os abadexos novos fan migracións para estenderse por toda a costa.

Os abadexos adultos aliméntanse de peixes pequenos, como espadines, lanzóns, xardas, arenques e sardiñas, que viven en augas de pouca profundidade, e de crustáceos peláxicos (camaróns ect).[12] Os exemplares máis pequenos acostuman alimentarse de crías de bacallau, ás que acometen por sorpresa dende atrás. O seu método favorito de alimentarse é rondar, mirando cara a arriba entre restos de abrigo de algas ou no medio de escoios, agardando nesta posición a que a marea lles traia o alimento, e raras veces descende ata o fondo para alimentarse de vermes, crustáceos e moluscos.

Pesca e consumo

A súa carne é boa e fortemente coloreada, pero se conserva mal. As embarcacións comerciais pescan o abadexo con volantas (os grandes) e trasmallos (os corbelos), sendo tamén frecuente a pesca con liñas e corricán.

Considérase unha excelente peza de pesca deportiva, pois pode pescarse doadamente dende a beira con cana e liñas, e cando prende no anzol deféndese e nada buscando refuxio entre as rochas. Pola noite é facilmente atraído polas luces, feito aproveitado polos pescadores de xarda que o pescan por acometividade, con corricán.

Son unha parte importante das pesqueíras de Inglaterra e o Atlántico norte onde se extrae como pesca adicional nas do bacallau e o fogueiro. As capturas anuais europeas son dunhas 15 000 t.[12]

A súa pesca está en perigo pola sobrepesca, tanto de adultos como de xuvenís. En Galicia, a venda total nas lonxas ascendeu a 302 113 kg en 2009.[16]

É un dos reis da caldeirada, no seu punto xusto de cocción. Pódese preparar temén á romana e grellado, formando parte adoito das zarzuelas de peixe. Clasifícase dentro dos peixes brancos, polo seu baixo contido en graxa.

Orixe e difusión do nome

 src=

Abadexo é voz de orixe castelá, de onde pasou ás demais linguas peninsulares e deu no portugués badejo, en galego abadexo ou badexo, en asturiano abadexu e traducido ao catalán como capellà (de todas formas haiu que facer notar que o capellà catalán non é o mesmo peixe que o castelán abadejo, que é exclusivamente atlántico, senón o nome doutras especies de gádidos de menor tamaño, como Gadus luscus, G. minutus e G. capelanus Risso.[17] É un diminutivo de abad (abade, crego), e a súa relación semántica pódese explicar de dúas formas. A primeira, como variación do curadiño,[17] que significaba "bacallau seco" e era o nome que recibía o bacallau en tempos de Cervantes, segundo consta no Quixote (I, 2): «A dita, acertou a ser venres aquel día, e non había en toda a venda senon unhas racións dun peixe que en Castela chaman abadexo, e na Andalucía bacallao, e noutras partes curadiño, e noutras troitela». A segunda posibilidade é que abadexo sexa unha evolución semiculta galego-luso-leonesa do baixo latín abbadagium, que era como se chamaba a contribución en especie que se pagaba aos abades e aos relixiosos. A primeira das dúas posibilidades é a que parece ter máis aceptación.

A primeira documentación da voz abadexo está no Vocabulario do Humanista de Palmireno, de 1569, onde figura como sinónimo de molva e está considerada palabra castelá (s.v. aselli). Ata a publicación do estudo sobre esta obra considerábase como primeira data de documentación a de 1582, nunha obra de santa Tareixa. Pola definición de abadexo que fixo o naturalista malagueño García de la Leña vese que a súa información é libresca: Abadexo ou bacallao: peixe común, coñecido baixo de moitos nomes; algúns distínguennos e téñennos por peixes distintos, por ser menos grosos e máis parduscos que o bacallau, en ter a cabeza máis delgada e longa, e outras pequenas diferenzas. Linneo pono co nome latino de "Gadus pollachius". Viera e Clavijo identifican o abadexo co Gadus pollachius de Linneo, e sinalan que "vulgarmente chamase tamén abade". A documentación da voz dende o século XVI é moi extensa, como consta no Diccionario Histórico.

A difusión actual da palabra é moi grande, ó ter correspondentes en todas as linguas peninsulares. Porén, na gran parte do litoral non é coñecida a especie ou o nome se aplica a outras especies. É voz común e xeneral en todo o Cantábrico e en Galicia, mentres que en Andalucía só se coñece na costa gaditana.

Outras denominacións e homólogos estranxeiros

Nas Canarias recóllese abae como nome deste gádido, aínda que tamén designa en varios puntos ao Serranus alexandrinus, o Serranus cabrilla (cabriña) ou o Serranus guaza (cherna común). O –e final da palabra revela a súa orixe portuguesa, malia iso nesta lingua perdeuse e a denominación deste e outros gádidos é badejo, que é un castelanismo.

En Galicia, xunto con badexo e as súas diversas variantes de tipo fónico, tamén ten certa difusión o nome cerreta ou serreta para designar os abadexos novos, ó igual que en todo o Cantábrico. Trátase dunha voz derivada do galego cerro (pronunciado serro nas Rías Baixas, que significa "espiñazo" e que procede do latín cĭrrus, do mesmo significado.[18] Tamén en Galicia os abadexos novos reciben outro nome: curubelo, que se presenta en numerosas variantes como corobelo, corubelo ou corbelo. A pesar de que algunhas destas formas podería facer cavilar que se trata dun derivado de corvo, non parece que sexa esta a orixe, senón que máis ben crese que é unha corrupción dunha forma antiga "curadelo", que é o equivalente galego do nome castelán sinalado por Cervantes curadiño, que designaba primeiro ao peixe curado e máis tarde o peixe vivo.[19]

  • Galego: Abadexo, Abadeixo, Badexo ou Corbelo
  • Portugués: Badejo, Juliana
  • Castelán: Abadejo
    • Canarias: Abad
    • Cantabria: Sarreta
  • Catalán: Abadejo
  • Éuscaro: Serrata ou Bakailo
  • Inglés: Pollock, Lythe
  • Francés: Lieu Jaune, Merlan Jaune, Lieu Noir
  • Alemán: Pollack Klamottendosrch, Seelachs
  • Dinamarca: Lubbe, Sej
  • Holanda: Witte Koolvis, Pollack
  • Islandia: Lyr
  • Italia: Merluzzo Giallo
  • Malta: Bakkaljaw
  • Noruega: Lyr
  • Polonia: Grazniak
  • Suecia: Lytorsk
  • Balcans: Ugotica

Galería de imaxes

 src=
Abadexo pescado cerca de costa, cun peso de 10 kg
 src=
Abadexo nun acuario
 src=
Abadexo. Detalle da cabeza
 src=
Abadexo grellado con salsa verde, verduras e puré de pataca

Notas

  1. Pollachius pollachius (Linnaeus, 1758) en WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Dicionario da RAG
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Ríos Panisse, M. C. (1997)
  4. Lahuerta e Vázquez (2000)
  5. Rodríguez Solórzano et. al. (1983)
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Rodríquez Villanueva et al. (1955)
  7. Cohen et al. (1990)
  8. Pollachius Nilsson en WoRMS. (en inglés)
  9. Systema Naturae Ver en liña
  10. Camiño Noia Campos et al. (1997): Diccionario de sinónimos da lingua galega. Vigo: Galaxia.
  11. Eladio Rodríguez (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego castellano, 3 vols. Vigo: Galaxia
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Muus, Bent J. et al. (1998)
  13. Ver mapa de distribución en FishBase Mapa de distribución e imaxes.
  14. Cornide, Joseph (1788)
  15. Solórzano et. al. (1988)
  16. Pescadegalicia.com Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine..
  17. 17,0 17,1 Antón Santamarina, en notas etimolóxicas a badexo e curubelo, en Ríos Panisse, Op. cit.
  18. Anón Santamarina, nota etimolóxica en § 360. Gadus merlangus (L.), en Ríos Panisse, Op. cit.)
  19. Véxase nota etimolóxica de Antón Santamarina en Curubelo, no § 362. Gadus pollachius (L.), de Ríos Panisse, Op cit.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cohen, D., Inada, T., Iwamoto, T. & Scialabba, N. (1990): Gadiform Fishes of the World (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fisheries Synopsis, 125, volume 10, pp. 77–81.
  • Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago: Xunta de Galicia.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Abadexo: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O abadexo, badexo badeixo, Pollachius pollachius, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.

A primeira descrición da especie foi feita por Carl von Linné en 1758 na 10ª edición do seu Systema Naturae: Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp., data e obra que marcan o inicio da taxonomía e nomenclatura zoolóxica modernas, baixo o nome de Gadus pollachius en 1758.

Os exemplares novos (é dicir, os de tamaño pequeno ou mediano) denomínanse cerretas corbelos, corobinas[Cómpre referencia], curubelos, paleotas, sarretas, serretas, sarretos ou zarretas.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician