Esta páxina trata da subclase dos actinistios ou celacantomorfos (os peixes con forma de celacanto); para o celacanto propiamente dito,[1][2] véxase Latimeria chalumnae.
A dos actinistios (Actinistia),[8] tamén chamados celacantimorfos (Coelacanthimorpha),[7] é unha subclase de vertebrados da clase dos sarcopterixios, que son peixes, coñecidos como celacantos,[1][2][9][10] caracterizados, entre outras cousas, por presentaren aletas lobuladas carnosas, e que se crían extintos desde o período cretáceo ata que, en 1938, un exemplar vivo foi capturado na costa oriental de Suráfrica. Outra especie localizouse en augas das illas Célebes (Indonesia) en 1998.[3][11][12]
Estes peixes evolucionaron morfoloxicamente moi pouco desde hai 350 millóns de anos, e se asemellan aos antepaados acuáticos dos vertebrados terrestres. Teñen unha vexiga natatoria non funcional, coas paredes grosas e chea de graxa, qu é realmente un vextixio dun pulmón ancestral, utilizado cando vivían non nas profundidades, senón na superficie, tanto en augas mariñas como nas doces. A esta característica, así como a forma e o movemento das súas aletas, valéronlle o nome de fósiles viventes como moitas veces se cualifican (erroneamente, por certo, desde o punto de vista científico).[3][11]
Xunto cos peixes pulmonados son os seres vivos máis próximos aos vertebrados terrestres. Apareceron no período devoniano (hai 400 millóns de anos), aínda que a maior cantidade de restos fosilizados pertencen ao período carbonífero (hai 350 millóns de anos).[3]
Actinistios é a adaptación ao galego do termo do latín científico Actinistia, formado polos elementos actin-, tirado do correspondente do grego antigo ἀκτι- akti-, de ἀκτίς aktís, "raio", e -istia, forma plural derivada do grego ἱστίον histíon, "velame", de ἱστός istós, "tecido", "tea", audindo á primeira aleta dorsal os celacantos, despregada a xeito de abano.[13]
A palabra celacanto é a adaptación do latín científico Coelacanthus ("de espiñas ocas"), tirada do grego antigo κοῖλος koîlos, "oco" e ἄκανθα ákantha,"espiña"), en referencia aos raios ocos da aleta caudal do primeiro espécime fósil,[14] descrito e nomeado por Louis Agassiz en 1839.[15] É o nome dun xénero extinto da liña máis antiga dos sarcopterixios,[16]
Os termos Coelacanthiformes e Coelacantimorpha están formados, respectivamente, sobre a raíz do xénero Coelacanthus e as desinencias do latín científico -iformes, "en forma de", e -morpha, con igual significado.
O nome da familia está formado, como é usual, sobre a base do nome do seu xénero tipo, neste caso Latimeria. engadíndolle a desinencia -idae, propia dos nomes das familias de animais.
O nome do xénero Latimeria commemora a Marjorie Courtenay-Latimer, directora do East London Museum, de East London, provicia do Cabo Oriental, Suráfrica que, no verán de 1938, recibiu unha chamada telefónica de Hendrik Goosen, patrón dun pesqueiro, na que lle comunicou que, cerca da desembocadura do río Chalumna, preto de East London, capturara un estraño peixe azul nunca antes visto, polo que se considera a descubridora destre peixe.[17][18]
Os actinistios forman parte do clado (ou clase) dos sarcopterixios, ou peixes de aletas carnosas (ou lobuladas). Externamente, varias características distínguenos doutros peixes de aletas carnosas. Teñen unha aleta caudal trilobulada, na que unha cola secundaria esténdése máis alá da cola principal, separando as metades superior e inferior da aleta caudal. As grosas escamas cosmoides actúan como unha armadura para protexer o exterior do peixe. Así mesmo, diversas características internas tamén distinguen aos celacantos doutros peixes de aletas carnosas. Na parte posterior do cranio, os celacantos posúen unha bisagra ou gonzo, unha articulación intracraniana que lles permite a estes peixes abrir a sús boca moi amplamente. Os celacantos tamén conservan unha notocorda oca, chea de aceite a presión, tubo que foi substituído pola columna vertebral moi cedo no desenvolvemento embrionario na maioría dos vertebrados.[19] O corazón dos actinistios é de forma diferente ao dos peixes máis modernos, coas súas cámaras dispostas nun tubo recto. O neurocranio dos celacantos está nun 98,5 % cheo de graxa, e só o 1,5 % do seu espazo contén tecido nervioso. As meixelas dos celacantiformes son únicas porque o óso opercular é moi pequeno e ten unha aleta opercular grande de tecidos brandos. Unha cámara espiracular está presente, pero o espiráculo está pechado e non se abre durante o desenvolvemento.[20] Os celacantos así mesmo posúen un órgano rostral único dentro do espazo da rexión etmoidea.[14][15] Outra característica exclusiva dos celacantos acualmente existentes é a presenza dun "pulmón graxo" ou duns lóbulos cheos de graxa dun pulmón vestixial, homólogo á vexiga natatoria doutros peixes. O desenvolvemento paralelo dun órgano graxo para o control da flotabilidade suxiere unha especialización única para hábitats de augas profundas. Tamén se descubriron placas pequehas, duras pero flexíbeis, ao redor do pulmón vestixial en espécimes adultos, aínda que non todo o órgano é adiposo. Estas placas teñen probabelmente unha función de regulación do volume do pulmón.[21] Debido ao tamaño do órgano graxo, asúmese que é o responsábel da recolocación infrecuente do ril. Os dous riles, que están fundidos nun só,[22] encóntranse situados ventralmente na cavidade abdominal, posteriormente á cloaca.[23]
Latimeria chalumnae, o celacanto propiamente dito, ou celacanto das Comores, e L. menadoensis, o celacanto indonesio ou celacanto de Manado son as dúas únicas especies actualmente viventes de celacantos.[15][24] Os celacantos son peixes grandes, repoludos, con aletas carnosas lobuladas que poden chegar a medir até máis de 2 m e a pesar até cae os 100 kg. Estímase que poden vivir até os 60 anos ou máis.[25] Están considerados hoxe en día como os peixes fósiles máis grandes.[26]
Son depredadores nocturnos que cazan ao axexo peixes e cefalópodos.[27] O seu corpo está cuberto de escamas cosmoides que actúan como unha armadura. Teñen oito aletas: dúas dorsais, dúas pectorais, dúas pelvianas, unha anal e unha caudal. A cola está formada por dous lobos case iguais e está dividida por un penacho terminal de raios que conforman o seu lóbulo caudal. Os ollos son moi grandes, e están adaptados para veren en condicións de iluminación escasa mediante bastonetes que absorben principalmente as lonxitudes de onda máis curtas. A visión dos celacantos evolucionou para captar especialmente a luz azul.[28] A boca é pequena (aínda que se pode abrir amplamente pola articulación dos ósos cranias, como quedou dito). Ósos pseudomaxilars rodean a boca e substitúen aos maxilares, unha estrutura ausente nos celacantos. Dous orificios nasais, xunto con outras catro aberturas externas, aparecen entre o premaxilar e os ósos rostrais laterais. As fosas nasais asemállanse ás de moitos outros peixees e conteñen un orificio nasal interno. Un órgano rostral contido dentro da rexión etmoidal do neurocranio, ten tres aberturas sen protección ao medio ambiente e utilízase como parte do sistema de laterosensorial.[15] A recepción auditiva dos celacantos é mediada polo seu oído interno, que é moi similar ao dos tetrápodos porque ten tamén unha membrana basilar.[29]
A locomoción dos celacantos é única. Para moverse aproveitan as corrntes e a deriva. As súas aletas pares estabilizan o seu movemento na auga. Porén, no fondo oceánico, non utilizan as aletas pares para calquera tipo de movemento. Empuxan coa aleta caudal para arranques rápidos. Debido ao gran número de aletas, teñes alta manobrabilidade e poden orientar o seu corpo en case calquera dirección na auga. Téñense visto facendo complicados movementos, como natadando co ventre cara a arriba. Pénsase que o órgano rostral axuda a electropercecón dests peixes, que axuda nos movementos ao redor de obstáculos.[27]
A subclase foi descrita en 1870 polo paleontólogo e anatomista comparativo estadounidense Edward Drinker Cope. Esta subclase só comprende unha orde, a dos celacantiformes (Coelacanthiformes), que definiu en 1937 o xeógrafo e biólogo soviético Lev Semiónovich Berg, e que reune varias familias, case todas fósiles e cunha soa, a dos latimeríidos (Latimeriidae), da que se coñecen na actualidade só as dúas especies anteriormente citadas.
Subclase Actinistia Cope, 1870
Os seguintes cladogramas están baseados en múltiples fontes.[32][33][34][35][36]
Actinistia Miguashaiidae Diplocercidae Hadronectoridae Rhabdodermatidae Coelacanthidae LaugiidaeEsta páxina trata da subclase dos actinistios ou celacantomorfos (os peixes con forma de celacanto); para o celacanto propiamente dito, véxase Latimeria chalumnae.
A dos actinistios (Actinistia), tamén chamados celacantimorfos (Coelacanthimorpha), é unha subclase de vertebrados da clase dos sarcopterixios, que son peixes, coñecidos como celacantos, caracterizados, entre outras cousas, por presentaren aletas lobuladas carnosas, e que se crían extintos desde o período cretáceo ata que, en 1938, un exemplar vivo foi capturado na costa oriental de Suráfrica. Outra especie localizouse en augas das illas Célebes (Indonesia) en 1998.
Estes peixes evolucionaron morfoloxicamente moi pouco desde hai 350 millóns de anos, e se asemellan aos antepaados acuáticos dos vertebrados terrestres. Teñen unha vexiga natatoria non funcional, coas paredes grosas e chea de graxa, qu é realmente un vextixio dun pulmón ancestral, utilizado cando vivían non nas profundidades, senón na superficie, tanto en augas mariñas como nas doces. A esta característica, así como a forma e o movemento das súas aletas, valéronlle o nome de fósiles viventes como moitas veces se cualifican (erroneamente, por certo, desde o punto de vista científico).
Xunto cos peixes pulmonados son os seres vivos máis próximos aos vertebrados terrestres. Apareceron no período devoniano (hai 400 millóns de anos), aínda que a maior cantidade de restos fosilizados pertencen ao período carbonífero (hai 350 millóns de anos).