A arandeira ou herba dos arandos[1] (Vaccinium myrtillus) é un arbusto da familia das ericáceas de froito comestíbel, o arando ou uva do monte.
De pequeno tamaño, entre 15 e 35 cm, medra en bosques, páramos e en zonas de montaña. As pólas, verdes, son triangulares e as súas flores, pequenas e verdosas, teñen os pétalos xunguidos formando un globo. As follas son ovais, dentadas e puntiagudas. Raramente cultivadas, o seu froito, o arando, recóllese das plantas bravas, sobre todo en Escandinavia e Polonia.[2][3]
O froito e unha baga de cor morada ou negroide, ten taninos, ácido cítrico, ácido málico e, o que é infrecuente, ácido benzoico. Os arandos son comestíbeis, teñen un sabor agridoce e son consumidos en Europa dende a antigüidade especialmente no norte.[4]
Vaccinium myrtillus é nativa de Europa, norte de Asia, Groenlandia, o oeste do Canadá, e mais do oeste dos Estado Unidos.[5] Aparece en uceiras (terreos poboados de uces) e solos acedos.
En Galicia medra por riba dos 700 m especialmente nas provincias de Lugo e Ourense coma mato das fraga, carballeiras, bidueirais ou faiais, nos matos das beiras dos ríos das zonas montañosas e nos das abas das serras orientais. Aparece sempre sobre solos derivados de rochas acedas (silíceas), profundos, frescos e ricos en materia orgánica, nos ambientes húmidos e hiperhúmidos.
Existe en Galicia outra especie de arandeira, a Vaccinium uliginosum subsp microphyllum, difícil de diferenciar destoutra, especialmente nas montañas.
As arandeiras abundan nas provincias de Lugo e Ourense. Os primeiros dicionarios etnográficos de galegos falan delas, e do costume dos aldeáns de comer as bagas. Martín Sarmiento escribía: É unha planta fortiña que medra un pé e ten as follas recortadas e da figura da folla do buxo. No remate bota uns baguiños negros que comen os rapaces pastores ,etc. Na mariña non hai esa planta. A uva de oso ("gayuba"-"Arctostaphylos uva-ursi"); ou vén ser unha planta rastreira, como especie de arando, mais que ten os bagos encarnados e as follas máis grandes e semellantes ás do érbedo. É evidente que no Seixo hai arandos e para min é certo que onde hai arandos hai uvas de oso, polo común.[6]
A arandeira ou herba dos arandos (Vaccinium myrtillus) é un arbusto da familia das ericáceas de froito comestíbel, o arando ou uva do monte.