Os ninfálidos (Nymphalidae) son a maior familia de bolboretas que comprende unhas 6 000 especies distribuídas pola maior parte do mundo, que pertencen á superfamilia Papilionoidea. Son normalmente de tamaño medio a grande. A maioría das especies teñen o par de patas anteriores reducido e moitos poñen as súas ás, que son moi coloreadas, en posición plana cando pousan. Aparentemente parece que se sosteñen só sobre catro patas, mentes que as outras dúas están enroscadas; nalgunhas especies, as patas anteriores teñen un conxunto de pelos que forman unha especie de cepillo. Moitas especies están vivamente coloreadas e inclúen bolboretas moi coñecidas como os Apaturinae, bolboreta monarca, Nymphalini, bolboreta pavo real e Heliconiini. Porén, a cara inferior das ás adoita ser de cores apagadas e nalgunhas especies parécese moito a unha folla seca, ou son moito máis pálidas, producindo un efecto críptico que contribúe a que estas bolboretas se confundan co fondo que as rodea.
Rafinesque[1] creou o nome Nymphalia como nome de subfamilia de lepidópteros diúrnos. Rafinesque non incluíu Nymphalis entre os xéneros da subfamilia, pero Nymphalis estivo indubidablemente implicado na formación do nome (Artigo do Código 11.7.1.1). Xeralmente admítese a atribución de Nymphalidae a Rafinesque.[2]
Nos adultos, o primeiro par de patas é pequeno ou reducido.[3] As eirugas son peludas ou espiñentas con proxeccións sobre a cabeza e as crisálidas teñen puntos brillantes.
As ás anteriores teñen a vea submedia (vea 1) non ramificada e nunha subfamilia está bifurcada preto da base; a vea media ten tres ramas, que son as veas 2, 3 e 4; as veas 5 e 6 orixínanse desde os puntos de unión dos discocelulares; a vea subcostal e a súa continuación alén do ápice da cela, denominada vea 7, nunca ten máis de catro ramas, denominadas veas da 8 á 11; a 8 e a 9 sempre se orixinan a partir das veas 7 e a 10 e 11 ás veces da vea 7 pero máis a miúdo libres, é dicir, orixinadas da vea subcostal antes do ápice da cela.[4]
As ás posteriores teñen veas internas (1a) e precostais. A cela en ambas as ás está pechada ou aberta, a miúdo pechada na á anterior e aberta na posterior. A beira dorsal da á posterior está canalizada para corresponderse co abdome en moitas das formas.[4]
As antenas sempre teñen dúas canles na parte inferior, e a maza pode ter forma variable. Aínda que na familia o par de patas anteriores do macho e, con tres excepcións (Libythea, Pseudergolis e Calinaga), tamén a das femias, está reducida en tamaño e é funcionalmente nula para camiñar; nalgunhas especies, a atrofia das patas anteriores é considerable, por exemplo, as Danainae e Satyrinae. En moitas das formas destas subfamilias, as patas anteriores mantéñense presionadas contra a parte inferior do tórax, e no macho pasan case desapercibidas.[4]
A filoxenia dos Nymphalidae é complexa. Varios taxons teñen unha posición pouco clara, o que se reflicte polo feito de que algunhas subfamilias foran anteriormente recoñecidas como familias diferentes debido a que había estudos insuficientes sobre elas.
Os cinco clados principais desta familia coas súas subfamilias e tribos son:[5]
O clado libiteíno (basal)
O clado danaíno (basal)
O clado satirino
O clado heliconiino (grupo irmán do clado nymphaline, exclúe ás antigas tribos Biblidini e Cyrestini, e as tribos Pseudergolini e Coeini)
O clado ninfalino (grupo irmán do clado heliconiino, tamén inclúe as tribos Coeini e Pseudergolini)
A característica pola cal estas bolboretas son máis coñecidas é que usan só catro patas; a razón de que o seu par de patas anterior se convertese en vestixial non está aínda claro. Algúns opinan que as patas anteriores se usan para amplificar o sentido do olfacto, porque algunhas especies posúen un conxunto de pelos suaves como un cepillo chamados setas, que fixo crer aos investigadores que as patas anteriores se usaban para mellorar a sinalización e comunicación entre especies, mentres que se manteñen en pé sobre os outros dous pares. Esta capacidade foi útil na reprodución e na saúde global da especie, e é a teoría máis admitida polo momento.[7]